A innovación na construcción naval en madeira en galicia e portugal

2.1.2. Normalización aplicábel Consideramos separadamente:

Normas relativas a madeira;

Normas con aplicación a embarcacións que podan ser construídas en madeira.

En relación ás primeiras, podemos dicir que na última década asistimos a unha mudanza radical na maneira de tratar a madeira en termos estructurais, e que ningún regulamento deberá, hoxe en día, ignorar esa evolución.

O primeiro grado de complexidade da madeira é que esta é un material ortotrópico, con eixo lonxitudinal paralelo ás fibras, eixo radial perpendicular aos aneis de crecemento e eixo tanxencial perpendicular ás fibras, mais tanxencial aos aneis de crecemento. Existen, por tanto características mecánicas diferentes en cada unha destas direccións.

O segundo e máis importante grado de complexidade é que aquelas características varían de especie para especie, dentro de cada especie varían de rexión para rexión, dentro de unha rexión varían de árbore para árbore, e dentro de cada árbore varían ao longo das seccións e da lonxitude das árbores. Se acrecentarmos que varían aínda con a humidade e con a duración das cargas aplicábeis, fixamos con idea da dificultade da tarefa de normalizar os parámetros máis enriba apuntados, para efectos de cálculo de estructuras.

No que podemos chamar o sistema clásico de normalización, os parámetros comúns e sobre todo a resistencia mecánica, eran determinados por ensaios laboratoriais sobre probetas pequenas, exentas de imperfeccións e con o mesmo valor de humidade, condicións moi importantes para non ter dispersións de valores excesivas. A distribución dos valores obtidos nos ensaios podía ser modelada como gaussiana, sendo calculado o valor medio. A grande diferencia entre a coidadosamente escollida madeira das probetas e as pezas reais (nós, fío torcido e fío diagonal, fendas) , aliada á habitual dificultade na previsión exacta das cargas, obrigaba a “carrexar” no coeficiente de seguranza, que ía de 5 a 10 en relación aos valores medios de ruptura, contra 1,5 a 3 para o aceiro. Claro que, no caso deste material, o coeficiente destínase, esencialmente, a cubrir a diferencia entre as solicitacións previstas e as reais, os defectos de construcción das estructuras e a degradación do material co tempo.

A Unión Europea, coa preocupación de regular un mercado único de materiais de construcción, criou Eurocódigos para os diversos tipos de materiais de construcción, cabendo á madeira o número 5. Os ensaios, e aquí está a diferencia fundamental en relación aos ensaios clásicos, son feitos en pezas de maiores dimensións e con maiores ou menores irregularidades e defectos, permitindo unha clasificación en clases de calidade. A estas son asignadas, para cada especie, clases de resistencia.

A caracterización das madeiras é complexa, dada a súa enorme variedade, características ortotrópicas, influencia da humidade, posibilidade de ataques biolóxicos, etc. O sistema de cálculo do Eurocódigo 5 representa un salto tecnolóxico, sobre todo polo traballo preliminar de determinación dos “valores característicos” da resistencia mecánica, mais tamén pola sistematización dos factores que afectan as accións que gravan sobre a madeira e dos que afectan a súa propia resistencia. A adopción deste sistema permitirá o proxecto de estructuras de madeira con maior rigor e fiabilidade, sen ter de recorrer ao sobredimensionamento.

Os referidos “valores característicos” da resistencia Xk corresponden ao cuartil de 5% da distribución estatística (próxima da logarítmico-normal), sendo a forza dos ensaios aplicada durante 5 minutos.

Os cálculos son feitos en relación aos estados límites (últimos e de utilización) e as situacións de proxecto inclúen situacións persistentes, transitorias e accidentais, con combinacións regulamentadas. Na practica, son asignados coeficientes de seguranza (aínda que con outro nome), entre 1,3 e 2,6

O tratamento das solicitacións, aquí designadas por accións (forzas e deformacións) é obxecto de definicións moito completas e coidadosas, de interese sobre todo polo establecemento de regras sobre a súa combinación e pola asignación de coeficientes correspondentes á súa duración.

As accións son clasificadas de acordo con a súa variación no tempo e no espacio.

Pasando ás normas para embarcacións, especificamente preparadas para embarcacións de madeira, só existen as 12215 – 1 a 6 – Small craft – Hull construction and scantlings, xa enriba citadas. As mesmas embarcacións están, ademais, suxeitas a normas xerais, das que existen algunhas centenas en vigor ou en preparación.

2.2. Resumen das observacións e inquéritos efectuados 2.2.1. Visitas no Proxecto ICOM Na busca de novas solucións para a industria de construcción naval en madeira, as visitas a empresas e entrevistas de aí decorrentes no Proxecto ICOM, foran imprescindíbeis para coñecer:

Ambiente na empresa e actitude cuanto ao futuro;

Estadio tecnolóxico;

Calidade da producción.

Estes eran os obxectivos das visitas aos estaleiros navais e, de certo modo, tamén os das visitas a outras institucións e empresas, aínda que aquí fose igualmente importante verificar as ligazóns existentes con a industria naval.

Foron feitas:

12 visitas a estaleiros navais;

5 a institucións técnicas e laboratorios;

4 a empresas industriais.

A seguir presentamos algunhas das conclusións do Proxecto ICOM , un pouco en relación ao pasado, mais sobre todo cara ao futuro.

2.2.2. En España (Galicia)
En Galicia foran visitados catro estaleiros polo coordinador do Proxecto ICOM, Eº Óscar Mota, en compañía do autor deste traballo, quen preparou as visitas. As consideracións que abaixo se presentan son froito destas visitas e do coñecemento que o autor, debido a súa actividade profesional, ten do conxunto dos estaleiros en madeira na nosa comunidade.

Proxecto Está perfectamente institucionalizada a execución do proxecto por técnicos recoñecidos (trátase de imposición legal). A Xunta de Galicia preparou máis de 20 libros para apoio ao proxecto de embarcacións de pesca, que foran distribuídos gratuitamente. Tamén pagou a Xunta o “Estudio Sectorial de la Carpintería de Ribera en Galicia”
Materiais As madeiras máis comunmente utilizadas son: O carballo (Quilla, pezas de rodas e codastes, cadernas e vaos), O eucalipto (Quilla, sobrequilla, dormentes, trancanís, palmexares, etc.) e o piñeiro (de varias calidades) para os forros. En algúns casos utilízanse o elondo para o forro das cubertas e o iroko para costados e tapas de regala.; En comparación con Portugal relévase a utilización do eucalipto. En algúns casos ten sido utilizado tamén nos forros de costado. Mentres que en Portugal esta especie é usada sómente en mastros de embarcacións de madeira, na Galicia é vulgarmente usada na estructura básica lonxitudinal. Podemos falar de unha certa tecnoloxía do eucalipto, aínda que pouco desenvolvida en termos de construcción naval. As aplicacións máis importantes do eucalipto en Galicia son a transformación para pasta de papel e os contrachapados para fabricación de mobles. Tratase de unha carencia na construcción naval que poderá ser colmatada con o apoio do CIS – Madeira, pois os estudios esenciais están xa executados. A utilización de lamelados colados é unha técnica coñecida, aínda que en pequena extensión. Os coñecementos sobre colas son sobre todo empíricos. Non se utiliza, en absoluto, ostrip planking. O contrachapado marítimo ten sido utilizado no costado, máis sobre todo enriba da liña de flotación. Utilízase amplamente na construcción das casetas de embarcacións de pesca e mexilloeiras. Nas embarcacións de recreo é cuberto con resina epóxica. A mesma resina é utilizada en cobertura de cascos de embarcacións de recreo con outros tipos de madeira. Nas casetas de embarcacións profesionais, está a utilizarse tamén o PRFV e o aceiro inoxidable. Como preservador da madeira está bastante divulgado o “xylamon” (insecticida e funxicida) o que tal vez se explique por o productor ser galego. Tamén está moi estendida a práctica de utilizar minio de chumbo para a protección da estructura, antes de colocar os forros.
Persoal Existen aínda bos carpinteiros navais, mais en número insuficiente. A profesión non atrae ós xoves.
Tecnoloxías Aínda que a calidade das construccións sexa boa na xeneralidade, sómente nun dos estaleiros encontramos preocupacións con a calidade formal, a pesar de construír esencialmente para o mercado local, pouco esixente neste aspecto. Ten en preparación a certificación pola ISO 9001:2000, mais dependente da concesión de axudas. Este estaleiro está a aplicar, pioneiramente, a resina epóxica para as cubertas das embarcacións mexilloeiras. Todos os estaleiros constrúen dentro de naves industriais. Os medios de elevación e ferramentas son razoábeis. Os constructores tradicionais afirman que os pescadores non se adaptan ás unidades en PRFV para formas de desprazamento. Unha explicación técnica e dada no Anexo 1.
Institucións de Investigación En Galicia existe o CIS Madera, en San Cibrao, Ourense, que presta servicio de investigación tecnolóxica ás empresas de construcción de mobles, máis sen ningún contacto con a industria naval.
Mercado A grande vantaxe dos estaleiros de madeira da Galicia é o mercado cativo das embarcacións auxiliares das bateas mexilloeiras. En embarcacións para acuicultura (é o caso destas auxiliares mexilloeiras), o armador recebe os seguintes apoios: 40% da Unión Europea 5% da Xunta de Galicia 5% do Goberno central Sómente un estaleiro, en Vigo, está dedicado exclusivamente ás embarcacións de recreo, no que foi pioneiro. Parécenos resistir mais polo saber acumulado e circulo de clientes coñecidos, do que por unha política comercial activa. Outro estaleiro, no Grove, ten construído embarcacións de recreo con lamelados-colados de moi boa calidade. Os outros estaleiros dedícanse só ocasionalmente á construcción de embarcacións tradicionais de vela para amadores e asociacións. Unha referencia especial ao mercado do Norte de África: É interesante, pois as empresas mixtas constrúen as súas embarcacións en España. Existe unha Federación de Asociación de Carpinterías de Ribeira, aínda que sen ningunha actividade no campo do marketing conxunto.
Diversos Non parecen existir calquera dificultades con a saída de serrón e restos de madeira. Outros residuos son recollidos de forma simple, por un xestor de residuos autorizado. Son comúns as queixas canto ás demoras burocráticas para aprobación de proxectos subsidiados pola UE.

2.2.2 En Portugal
O numero total de pequenos estaleiros que facen a construcción ou reparación de cascos de madeira é de cerca de 25, segundo o anuario de 2001 (o último publicado até ao momento) da Associação das Indústrias Marítimas.

Verifícase que o piñeiro bravo, o carballo (con unha sorprendente posición) e a cámbala son as madeiras máis utilizadas; séguese o piñeiro manso.

Por observación directa sábese que o consumo de madeiras exóticas ten vindo a aumentar (polo menos en termos relativos) nos últimos anos.

A cámbala atinxe xa o primeiro lugar entre as especies consumidas, o que obriga a rever algúns conceptos; o declino do piñeiro bravo débese, sobre todo, á mala calidade da madeira que está dispoñíbel desta especie. A importancia deste facto excede en moito o seu impacto na industria naval. De sinalarse tamén o uso do contrachapado, en interiores e casetas.

A presencia do eucalipto xa comeza a aparecer, e poderá aumentar se os intervenientes na industrialización desta especie aprenderen a mellor lidar con ela..

Como índice importante do retardo tecnolóxico nas adquisicións, nótase que ningún importador ou almacenista (Xa nin falamos dos productores) fornece fichas das madeiras vendidas . Igual acontece en Galicia.

Proxecto O recurso a proxectistas é ocasional e estrictamente no cumprimento da praxis da Inspección de Buques.
Materiais Sobre as madeiras utilizadas polos estaleiros, ver máis enriba.


Relévase o crecente uso das madeiras exóticas en detrimento das tradicionais, sobre todo do piñeiro bravo. No cabal aproveitamento desta especie parece haber aínda un longo camiño para andar, tanto máis que a estratexia de melloría cualitativa e cuantitativa da Dirección Geral de Florestas só poderá dar resultados a medio ou longo prazo. Sería interesante experimentar a utilización do eucalipto en certos tipos de laminados-colados. A escolla da madeira e a súa preservación nos estaleiros navais son feitas sen rigor, habendo aquí un largo camiño a recorrer, con a necesaria colaboración dos laboratorios habilitados.

Os contrachapados son producidos en Portugal mais son a veces mal especificados polos estaleiros. Os fabricantes descoñecen (ou descoñecían até fai pouco tempo) a única norma que confire ao contraplacado o “direito” de usar a designación de marítimo: a BS 1088. En canto ás colas, as resorcinas (de boa calidade) son fabricadas en Portugal, mais este tipo de cola non merece a preferencia dos poucos estaleiros que facen lamelados colados. Xá hai quen utilice, con agrado, colas epóxicas, especialmente en laminados-colados. Máis limitada, aínda que con éxito, é a utilización de poliuretano. En canto a preservadores, a regra continúa a ser a utilización dos tradicionais gasóleo, óleo de peixe e cuprinol; raramente a creosota.

Persoal A profesión de carpinteiro naval é dura (ao ar libre, transporte manual de cargas), relativamente mal remunerada, sen gran aceptación social, sen escolas de formación. Cando a formación é soamente a experiencia, cáese na estagnación técnica. Como factor positivo, por razóns de idade, ten habido algunha renovación.
Tecnoloxías Así, non admirará que a calidade das construccións sexa, como media, só regular. Unha observación inesperada – mais que poderá non ser absoluta – é que os mellores constructores son tamén os máis progresistas. E coinciden con os constructores de embarcacións de recreo (mesmo os que xuntan esta actividade á tradicional).


Os constructores tradicionais comezaran a construír tamén en aceiro e en aleación de aluminio (con mala calidade), por imposición do mercado, segundo dícese.

Tamén apuntan as dificultades de adaptación dos pescadores da costa Oeste ás embarcacións realizadas en PRFV (tal como en Galicia para as de formas tradicionais)

Mercado Mercado de embarcacións de pesca en caída e competencia sobre todo dos cascos en aleación de aluminio e en aceiro. Limitadísima entrada no mercado de recreo. Inexistencia de estudios de mercado (nunca houbo ningún) e de calquera esforzo asociativo
Institucións de investigación Visitáronse 3 institucións de investigación, Centro Tecnolóxico das Industrias da Madeira e do Mobiliario (CTIMM), INETI e LNEC, todas con interese en a industria naval, mais sen calquera contacto con ela. Parece que nunca foran utilizados os estudios e publicacións sobre madeira – especialmente sobre especies nacionais -, elaborados no ámbito do LNEC e do Instituto Florestal.


Os ensaios polo CTIMM, de mobiliario para certificación segundo diversas normas europeas (resistencia mecánica, á humidade e á luz solar), revelan un considerábel avance tecnolóxico desta industria en relación á industria naval. O mesmo é revelado pola súa escola de formación.

Diversos Son comúns as queixas canto ás demoras burocráticas en Lisboa para aprobación de proxectos subsidiados pola UE.


Leave a comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

*